venres, 3 de outubro de 2014

Escrito da Mesa Pola Normalización Lingüística do Carballiño / Ribeiro

A Mesa Pola Normalización Lingüística do Carballiño /Ribeiro envíanos á seguinte información:

A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CARBALLIÑO / RIBEIRO, e no seu nome como responsábel da mesma, Eladino Cabanelas Fernández, con documento de identidade ____________

EXPÓN o seguinte:

Dende A Mesa pola Normalización Lingüística acabamos de constatar que a nosa denuncia encol de que o Servizo de Xestión Tributaria Municipal se negara a atender a un cidadán en galego, lonxe de solucionarse como debería, e a pesares da súa promesa de que falaría coa empresa subcontratada para corrixir isto con brevidade, subiron un chanzo máis no que a vulnerar os dereitos dos e das galegofalantes se refire.

O formulario que acompaña este escrito dá boa fé disto. Nas mesma Oficina de Recadación do Carballiño, ao solicitarmos un impreso para domiciliar o pagamento de tributos atopámonos con este papel, no que na súa cabeceira figura o escudo e o nome do Concello do Carballiño, en perfecto bilingüe. Iso si, o bilingüe é español/inglés e non español/galego ou galego/español, que sería o legal e correcto no caso de quereren optar pola forma bilingüe de impresos en lugar de entregalos en galego ou castelán dependendo de quen o solicite, como debería ser.

Preguntámonos se isto é simplemente un erro máis por parte da empresa subcontratada por descoñecemento do lugar onde e para quen están a realizar o seu traballo ou é unha burla descarada e unha falla de respecto após térmolles chamado a atención polo caso acontecido hai uns meses. É máis, porque poderiamos estar trabucados, tamén nos preguntamos se hai tal cantidade de anglo falantes no Carballiño como para tomar semellante decisión burocrática. Nós coidamos que non, e que xa basta de meteduras de pata, se así for, porque se isto é intencionado tería unha gravidade extraordinaria.

Por todo isto SOLICITAMOS:

Máis unha vez do Alcalde do Carballiño a rescisión do contrato coa empresa que leva o Servizo de Recadación Municipal e, no caso de non ser viábel a xestión por empregados municipais, se contraten empresas galegas, coñecedoras da realidade do noso País e que, por outra banda, cotizan tamén na Galiza.

Lembramos de novo que a lexislación actual obriga ás empresas privadas concesionarias de servizos públicos a garantir o dereito dos cidadáns e das cidadás a seren atendidos na lingua oficial da súa elección, e que, por suposto, en ningún caso é o inglés.

O Carballiño, 3 de outubro de 2014
Eladino Cabanelas Fdez.
RESPONSÁBEL D'A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O CARBALLIÑO / RIBEIRO

Sr. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DO CARBALLIÑO


Ningún comentario:

Publicar un comentario